Friday, February 23, 2007

Estrea e rolda de prensa


O mércores 21 de febreiro foi outro día histórico para NUT TEATRO. Outro día no que os centos de horas de ensaio, toman a maioría de idade e suben ao escenario para o público. "4.48 Psicose" tórnase en realidade. No espazo da Nasa, a quen agradecemos a súa confianza, cubriuse o aforo total da sala, de 80 espectadores.


O xoves ás 12.30 horas presentouse na Casa do Concello, a Zoona Alternativa que organiza a sala Nasa. Como NUT TEATRO foi quen abriu esta cita cultural, estivemos presentes na rolda de prensa, explicando o proceso de posta en escena da obra de Kane. O concelleiro de cultura, Néstor Rego, resaltou a boa saúde da cidade nas Artes Escénicas e referiuse á nosa compañía coma unha referencia. Xesús Ron explicou polo muido as citas de danza, música, teatro e performance que han de ter lugar na Nasa durante todo o mes que entra. Un programa completo de propostas escénicas de vangarda, interesante, innovador, e de grande calidade que desde aquí vos recomendamos.


Ligazóns relacionadas:

- El Pais. (21/02/2007)
- El País. (23/02/2007)
- Concello de Compostela. Compostela Cultura.

Monday, February 19, 2007

4.48 Psicose: segunda montaxe



Pouco máis dun mes despois da estrea no Teatro Principal de Compostela, da nosa primeira montaxe "Corpos disidentes", ve a luz a segunda montaxe da compañía, "4.48 psicose". Neste caso, a estrea terá lugar na Sala Nasa, e prolongarase con varias funcións toda esta semana. O carácter novidoso ven marcado tanto pola elección da autora, cuxos textos se presentan por primeira vez en galego, coma pola proposta escénica, que caracterízase por tratala esencia do texto sen ornamentos nen engadidos.
NUT TEATRO abre a Zoona Alternativa, que levará a Sala Nasa espectáculos contemporáneos de teatro, danza e música até finais do mes de marzo.
O horario das funcións de "4.48 Psicose" é: mércores, xoves, venres e sábado, ás 22.00 horas; domingo ás 20.30 horas.

Ligazóns relacionadas:

Monday, February 05, 2007

Actuación en Viveiro

O pasado sábado día 3, ás 20:30 horas, NUT TEATRO presentou "Corpos disidentes" en Viveiro. Deste xeito, iniciamos a xira de actuacións dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, pertencentes ao primeiro semestre do ano, e por primeira vez na pequena historia da compañía saímos de Compostela cun espectáculo.
A presentación levouse a cabo no acolledor teatro Pastor Díaz. O relevo de Andrea, que arestora está realizando estudos de especialización nunha Universidade holandesa, por Arantxa foi a nota máis destacada na escena, que polo resto transcorreu con absoluta normalidade.

Thursday, January 11, 2007

Presentación da estrea


Esta mañá presentamos en rolda de prensa a que será a estrea de Corpos Disidentes no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Na súa intervención, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, resaltou a importancia da aparición dunha nova compañía de teatro contemporáneo en Compostela.Pola nosa parte, demos conta das liñas básicas do espectáculo que se estreará mañá.

Monday, December 11, 2006

Oito actuacións no noso comezo

A semana pasada recibemos a confirmación do IGAEM. Un total de sete concellos contrataron a "Corpos disidentes" dentro da refundida programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), para o primeiro semestre do ano 2007.

A estréa do espectáculo e da compañía ao público será o vindeiro día 12 de xaneiro no teatro principal de Compostela. O seguinte día terá lugar outra actuación no mesmo escenario, e a partir de alí, faremos escala en lugares coma Viveiro, Lugo, Cee, Ribadedo, O Carballiño, e A Coruña.

A valoración que fai a compañía desta primeira participación na RGTA é moi boa. A pesares de que non iniciamos a nosa andaina de xeito regular, e do pouco coñecemento que os concellos tiñan de nós, a nosa proposta foi quen de convencer a sete concellos e sete programadores para que arriscaran e incluiran nas súas programacións outras opcións teatrais. Desde aquí, o noso agradecemento a todos eles.

Thursday, November 30, 2006

MOVE entrevista a Xiana López

O pasado domingo 26 de novembro, foi presentada en sociedade a revista dixital do pub decano de Galiza, o compostelán modus vivendi.
MOVE é unha publicación de carácter cultural e independente. Os contidos aparecen estruturados en seccións coma música, literatura, teatro, audiovisuais, arte e opinión, e conta cunha chea de colaboracións de interese.
No seu primeiro número podedes atopar unha entrevista coa actriz da nosa compañía, Xiana López, que mantivo unha conversa sobre a situación xeral do teatro en Galiza e os seus novos proxectos personais que están á volta da esquina.

Tuesday, November 21, 2006

NUT posicionase na Internet

Aínda que é recente o comezo da andaina cibernética da nosa compañía, NUT TEATRO xa empeza a atoparse con facilidade na Web. Desde os principais buscadores (yahoo, google, altavista, etc.) NUT ten un aceso directo sinxelo, ocupando as primeiras posicións.

A maiores diso, institucións coma IGAEM ou portais de relevancia internacional coma artezblai xa se fan eco da páxina web oficial e do blog da nosa compañía.

Seguimos traballando arreo para que a visibilidade de NUT sexa maior, e a nosa imaxe común na Internet.