Friday, February 23, 2007

Estrea e rolda de prensa


O mércores 21 de febreiro foi outro día histórico para NUT TEATRO. Outro día no que os centos de horas de ensaio, toman a maioría de idade e suben ao escenario para o público. "4.48 Psicose" tórnase en realidade. No espazo da Nasa, a quen agradecemos a súa confianza, cubriuse o aforo total da sala, de 80 espectadores.


O xoves ás 12.30 horas presentouse na Casa do Concello, a Zoona Alternativa que organiza a sala Nasa. Como NUT TEATRO foi quen abriu esta cita cultural, estivemos presentes na rolda de prensa, explicando o proceso de posta en escena da obra de Kane. O concelleiro de cultura, Néstor Rego, resaltou a boa saúde da cidade nas Artes Escénicas e referiuse á nosa compañía coma unha referencia. Xesús Ron explicou polo muido as citas de danza, música, teatro e performance que han de ter lugar na Nasa durante todo o mes que entra. Un programa completo de propostas escénicas de vangarda, interesante, innovador, e de grande calidade que desde aquí vos recomendamos.


Ligazóns relacionadas:

- El Pais. (21/02/2007)
- El País. (23/02/2007)
- Concello de Compostela. Compostela Cultura.

Monday, February 19, 2007

4.48 Psicose: segunda montaxe



Pouco máis dun mes despois da estrea no Teatro Principal de Compostela, da nosa primeira montaxe "Corpos disidentes", ve a luz a segunda montaxe da compañía, "4.48 psicose". Neste caso, a estrea terá lugar na Sala Nasa, e prolongarase con varias funcións toda esta semana. O carácter novidoso ven marcado tanto pola elección da autora, cuxos textos se presentan por primeira vez en galego, coma pola proposta escénica, que caracterízase por tratala esencia do texto sen ornamentos nen engadidos.
NUT TEATRO abre a Zoona Alternativa, que levará a Sala Nasa espectáculos contemporáneos de teatro, danza e música até finais do mes de marzo.
O horario das funcións de "4.48 Psicose" é: mércores, xoves, venres e sábado, ás 22.00 horas; domingo ás 20.30 horas.

Ligazóns relacionadas:

Monday, February 05, 2007

Actuación en Viveiro

O pasado sábado día 3, ás 20:30 horas, NUT TEATRO presentou "Corpos disidentes" en Viveiro. Deste xeito, iniciamos a xira de actuacións dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, pertencentes ao primeiro semestre do ano, e por primeira vez na pequena historia da compañía saímos de Compostela cun espectáculo.
A presentación levouse a cabo no acolledor teatro Pastor Díaz. O relevo de Andrea, que arestora está realizando estudos de especialización nunha Universidade holandesa, por Arantxa foi a nota máis destacada na escena, que polo resto transcorreu con absoluta normalidade.